Friday 03 de May de 2024

Xunta e sector constatan a mellora das capturass de polbo no primeiro mes de campaña e a abundancia de xuvenís no mar


— As descargas e a facturación da especie nas lonxas galegas durante o mes de xullo superan a media da serie histórica e multiplican por máis de seis os rexistros acadados no mesmo mes do ano pasado

— O prezo medio do polbo acadou os 9,22 euros o quilo, o segunda mellor cotización media da serie histórica, que se remonta á campaña 2003/2004

— Os datos obtidos agora veñen a ratificar os recollidos a finais da pasada campaña, cando se albiscaba unha mellora no estado da especie tanto polo volume de capturas como polo recrutamento de xuvenís

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, presidiu esta semana a comisión de seguimento do plan de xestión do polbo na que a Xunta e o sector constataron a mellora das capturas no primeiro mes de campaña en relación co ano pasado e a abundancia de xuvenís no mar, unha boa mostra da situación biolóxica da especie.

Os datos analizados no encontro mostran que as descargas deste cefalópodo no pasado mes de xullo roldaron os 180.000 quilos, unha cifra que está por enriba da media da serie histórica para este mes -que se remonta á campaña 2003/2004- e multiplican por máis de seis as rexistradas no mesmo período do ano pasado.

A evolución da facturación das lonxas galegas pola venda deste produto tamén é boa pois superou os 1,6 millóns de euros o pasado xullo, unha cifra moi superior á media histórica -de pouco máis dun millón de euros- e que case multiplica por sete os 235.000 euros acadados en xullo do ano pasado. Esta suba nos ingresos dos centros de primeira venda galegos por esta especie debeuse en boa medida ao incremento do seu prezo medio, que acadou os 9,22 euros o quilo, o segundo mellor da serie histórica, só superado polos case 10,6 euros rexistrados en xullo de 2018.

A Consellería do Mar e os representantes do sector pesqueiro tamén constataron durante a xuntanza a existencia de abundancia de exemplares xuvenís no mar, de acordo coas capturas que realiza a frota artesanal galega, o que debería garantir o desenvolvemento sustentable da pesqueira nos vindeiros meses.

A Xunta realiza un seguimento constante da situación do polbo e os datos obtidos agora veñen a ratificar os recollidos a finais da campaña pasada, cando se albiscaba unha mellora no estado da especie tanto polo volume de capturas como polo recrutamento de xuvenís. Non obstante, para protexer o estado do recurso e favorecer a súa recuperación, a Xunta e o sector acordaron fixar este ano unha veda de dous meses, máis longa que en exercicios anteriores.

A campaña do polbo de 2020-2021 foi anómala e debe terse en conta que a evolución do polbo adoita ser cíclica. Nela, ademais da actividade pesqueira, inflúen outros factores como os medioambientais e os climatolóxicos, que poden provocar descensos puntuais nas capturas.